quinta-feira, janeiro 25, 2007

Risco de marea negra.

Houbo un susto na costa. Outro susto, esta vez, por sorte, na costa inglesa . O día 21 de xaneiro. Ao día seguinte empezaron as labores para evitar a temíbel marea negra, cunha celeridade ben diferente á que nos afixeron outros gobernantes por aquí, o navío foi remolcado á costa, segundo lemos en Gznacion ou na BBC en español.

Lamentabelmente a noticia, que penso debía ser aproveitada para incidir novamente nos problemas de seguridade desta zona marítima acabou en “noticia anecdótica” ante a actuación de moitos veciños que se dedicaron a “Salvar ” contedores e o seu contido, especialmente, ao parecer, motos BMW.


Lembremos que este é o segundo accidente que sofre o Napoli, anteriormente tivera problemas ante a costa do Vietnam.

Marcadores: ,


sexta-feira, janeiro 19, 2007

Europa (Cambio climático e debate nuclear)

Cada vez é máis claro e hai máis consenso sobre a terríbel realidade do quecemento global. Senón que llo pregunten ao milleiro de antigos habitantes das remotas e diminutas Illas de Carteret, arquipélago que forma parte de Papúa Nova Guinea, no Pacífico Sur, que, segundo nos conta Vieiros.com está a ser evacuado ante o perigo inminente de rematar mergullado no océano, logo dunha rápida suba do nivel das súas augas. As illas contan cunha superficie total de 600 metros cadrados e unha elevación máxima dun metro e medio sobre o mar e os expertos calculan que en menos dunha década as augas cubrirán por completo todas as súas terras.

Ou que llo pregunten senón aos alemáns e outros centroeuropeos, estes días en que a tempestade, impropia deste continente, Kyrill causou 29 mortos, nun número que aínda pode subir. Ou que nolo pregunte a nós, que ás causas de sempre dos incendios temos agora que engadir, segundo os expertos, o cambio climático.

Ou que llo pregunten a osos que non hibernan, árbores en flor no inverno ou a paxaros que non emigran.

Porque a verdade é que de súpeto, todos aqueles que non hai moito negaban con rotundidade que houbese o tal cambio climático, agora apúntanse, con aínda maior rotundidade se cabe, a defender a súa existencia e gravidade. Unha gravidade inmensa e que ten, para eles, unha solución dura pero inevitábel: A enerxía nuclear.

Defenden así a necesidade de iniciar un debate nuclear. Neste sentido recomendo (claro) o meu artigo publicado esta mesma semana na mosquipedia sobre este debate “a inseguridade nuclear”, segundo da serie (o anterior fora o lixo nuclear”)


This page is powered by Blogger. Isn't yours?